Correo Apícola Xaneiro 2009
Enviado por paula o Mércores, 14 de Xaneiro do 2009 (16:57:09)
Contribución de paula
Día do Apicultor 7 febreiro 2009 Asamblea Xeral de AGA 13.00 h. - 7 febreiro 2009
APINOTICIAS: Seguros Apícolas, viaxe a Apimondia e outras xornadas, cursos, mostras...
DÍA DO APICULTOR Un ano máis, imos celebrar o Día do Apicultor en Arzúa, convidámolos a todos e todas a participar, xa que imos tratar temas de importancia para todos os apicultores e apicultoras. O Decreto de explotacións apícolas regula as novas distancias ás que se poderán situar as colmeas de autocunsumo, menos de 15 colmeas, e tamén establece as distancias de apiarios transhumantes e os tratamentos contra a varroa. Ofrécenos a posibilidade de presentar un programa alternativo co obxecto de que non sexa obrigatorio dar tratamento contra a varroa como ata agora. Así mesmo, tamén falaremos da apicultura tradicional de Galicia, que tivo tanto interese en tempos pasados e que pensamos que é un valor a maiores que temos, que interesa recuperar e que encaixa moi ben dentro do noso programa de venda do mel nas propias comarcas de produción, mediante as rutas das abellas e do mel. A nivel mundial existen grupos e asociacións que levan anos practicando a apicultura sen necesidade de realizar tratamentos contra as enfermidades, cousa que resulta moi interesante tanto para o abelleiro coma para o consumidor de mel que quere un produto san e libre de residuos, desde Bioapi van explicarnos como o fan. AGA presentou na Consellería do Medio Rural un programa alternativo de loita contra a varroa, co obxecto de obter abellas tolerantes, resistentes á varroa e outras doenzas. Neste programa que imos dar a coñecer o Día do Apicultor poden participar todos os socios de AGA que estean interesados en ter abellas sen necesidade de tratamentos. Por todo isto convidámolos a asistir e participar no “Día do Apicultor” o día 7 de febreiro en Arzúa.
DÍA DO APICULTOR 2009 7 de febreiro de 2009 Centro do Queixo e do Mel. Arzúa Organiza: AGA, Asociación Galega de Apicultura
Programa:
Ás 11 horas : Mesa redonda sobre: – Decreto de Ordenación de Explotacións Apícolas de Galicia, por Julio Cañás, da Consellería do Medio Rural. – Resumo de 20 anos con abellas sen tratamento ningún contra as enfermidades en distintas partes do mundo, por Stephan Braun, de Bioapi, Asociación de Apicultores Ecológicos de Abeja Negra. – A apicultura tradicional en Galicia, por Ernesto Díaz, encargado do estudo e da catalogación destas construcións. – Programa alternativo de loita contra a varroa, por Gonzalo Calvo e Marcos Varela, do Equipo Técnico Sanitario (ETS) de AGA Ás 13 horas : Asamblea xeral de AGA. Ás 14 horas : xantar. Durante todo o día haberá feira de material apícola e novidades. Os que solicitaron materiais: cera, fondos e cadros xa poden retiralos ese día.
Convocatoria de Asemblea xeral de AGA Día 7 de febreiro de 2009 Lugar: Centro do Queixo e do Mel, Arzúa Hora: 13 horas Orde do día: 1.- Lectura e aprobación, de proceder, da acta anterior. 2.- Resumo de actividades realizadas durante o ano 2008. 3.- Balance económico. 4.-Programa de AGA para o ano 2009. 5.- Orzamento económico. 6.- Rogos e preguntas.
APINOTICIAS
SEGUROS APÍCOLAS Os socios e as socias de AGA poden chamar por teléfono para renovar a póliza de seguros, como día último pódeno facer en Arzúa o 7 de febreiro. Tel. 981 508 142 de AGA, de 10-14 horas e de 16-18 horas.
APIMONDIA Con motivo do 41 Congreso Internacional de Apicultura, APIMONDIA 2009, que se celebrará en Montpellier (sur de Francia) do 15 ao 20 de setembro de 2009, AGA vai organizar unha viaxe apícola. Os socios e as socias interesadas deben facer unha inscrición previa. O prazo para esta preinscrición será ata o Día do Apicultor, 7 de febreiro.
CURSOS, XORNADAS, MOSTRA... Están programados cursos de apicultura en Pontevedra (Apípolis), Abellas do Courel (Quiroga), Abellas da Barbanza (Queirugas-Porto do Son), A Coruña... Xa se lles enviará información de días, lugares e hora. Xornadas de Apicultura: Arzúa (xornada sobre abellas resistentes á varroa). 24.ª Mostra Galega de Apicultura: Día 6 de xuño.
MATERIAL SUBVENCIONADO POLO PLAN APÍCOLA Fondos de rede, láminas de cera e outros materiais, que poderán recoller en: Arzúa; a diario, o Día do Apicultor ou o Día da Mostra. En Ourense; en Apícola González Carballal, a diario. En Quiroga, na Cooperativa Cauru, anunciaranse os días de retirada.
ENXAMES SUBVENCIONADOS POLO PLAN APÍCOLA Desde AGA faise a xestión de enxames (núcleos) subvencionados. As persoas interesadas na venda de enxames con abellas galegas pódenllo comunicar a AGA antes de marzo de 2009. O prezo será de 60 € con impostos incluídos. Os que se apuntaron para mercalos pagarán 35 €/unidade e terán que recollelos na casa do abelleiro vendedor.
DESAPARICIÓN DE ABELLAS Este fenómeno, que se vén producindo todos os anos a partir destas datas (xa se están dando casos este ano, causado polos pesticidas agrotóxicos que fabrican multinacionais sen escrúpulos e que están pondo en perigo as abellas, a saúde das persoas e o ambiente), fai que AGA estea levando a cabo un programa de sensibilización sobre este fenómeno e facendo xestións en Bruxelas conxuntamente con outras 15 organizacións de seis países da UE. Tamén é necesario que colaboremos todos informando a AGA, vía telefónica, dos casos que se vaian dando.
|
|
| |
 |
Votos do Artigo |
 |
|
Puntuación Promedio: 0 votos: 0
|
|
|
 |
|