Sábado, 28 de marzo, Centro de Divulgación do Queixo e do Mel, Arzúa
Haberá unha xornada técnica no Centro do Queixo e do Mel, de 11 a 14 horas da mañá, sobre o desenvolvemento do Programa de abellas resistentes á varroa. Poden asistir todas as persoas interesadas en participar neste programa alternativo de control da varroa (control sen tratamentos químicos), e os abelleiros e as abelleiras poden participar con só un apiario ou con todos.
É imprescindible asistir a esta xornada técnica para participar no programa. O
equipo técnico-sanitario de AGA (ETS) está composto por Gonzalo Calvo e Marcos Varela, que son os encargados do programa.
Os participantes deberanse apuntar chamando por teléfono, 981 508 142, en horario de oficina antes do día 25 de marzo.
24ª MOSTRA GALEGA DE APICULTURA
Sábado, 6 de xuño, Centro de Divulgación do Queixo e do Mel, Arzúa
Nesta mostra haberá xornada técnica e feira de material apícola. Realizarase a asemblea de Erica Mel e mais celebrarase un xantar de irmandade.
Xa se enviará o programa definitivo máis adiante.
APIMONDIA 2009. MONTPELLIER
Esta viaxe organízase en colaboración coa revista Vida Apícola, desde Barcelona.
As datas serán entre o 13 e o 19 de setembro. Os días 14 e 15 realizaranse visitas técnicas apícolas no sur de Francia, e os días 16, 17 e 18 serán os días do
congreso, namentres que o día 19 regresarase a Barcelona.
O prezo por persoa é de 749 Euros para os subscritores de Vida Apícola e de 810 Euros para o resto das persoas. Logo temos os gastos de realizar a viaxe ata Barcelona, ida e volta, e outros gastos que non están incluídos no programa: algunhas comidas, entrada ao congreso (80 Euros por día) e alguhas excursións opcionais, para os que non queiran asistir todos os días a Apimondia. Inclúe tamén visitas turísticas.
O programa máis completo podédelo ver na web de Vida Apícola:
www.vidaapicola.com.
Se tedes algunha dúbida chamádenos e quen estea interesado terá que inscribirse definitivamente antes do 15 de abril, teléfono 981 508 142, en horario de oficina.
CURSOS DE APICULTURA
Os interesados e interesadas deberán apuntarse, polo menos con 5 días de antelación as datas propostas, chamando ao teléfono: 981 508 142
LUGARES, DATAS E HORARIO:
Casa da Cultura de Queiruga, Porto do Son
Días 17, 18 e 19 de abril; día 17 ás 8 do serán, e os demais días xa se convirá o horario cos participantes.
Casa da Cultura en Quiroga
Días 14, 15 e16 de maio. O día 14 comezará ás 8 do serán, o resto dos días por convir cos participantes.
Apípolis, S. Andrés de Xeve, Couso 10 (Pontevedra)
Días: 23, 24 e 25 de abril; iniciándose o día 23 ás 7 do serán, e o resto dos días irase convindo cos participantes.
Casa das Abellas, Abegondo
Día 8 de maio ás 8 do serán, e para os demais días xa se convirá coas persoas participantes.
PROGRAMA
Día primeiro: As abellas e o medio
- Bioloxía das abellas.
- A abella e o ambiente.
- Reprodución das abellas.
- Perigos para as abellas: cambio climático, contaminacións ambientais, incendios forestais, pesticidas.
Día segundo: Os produtos da colmea
- Da flor á mesa: o mel, o pole, a xelea real, a própole, a cera, o veleno...
- Calendario de traballos apícolas.
- Comercialización do mel: venda directa, circuítos curtos e longos.
- Visitas e prácticas en apiarios da comarca.
Día terceiro: Enfermidades das abellas
- Doenzas das abellas.
- Hixiene e profilaxe.
- Control da varroa e podremia americana.
- Abellas resistentes á varroa.
ATENCIÓN AOS SOCIOS
No Centro do Queixo e do Mel, Arzúa.
Horario: De 10 a 14 horas e de 16 a 18 horas, a diario.
De 11 a 18 horas os sábados.
Enderezo: Feiranova s/n. Santa María. 15819 Arzúa. A Coruña
Tel.: 981 508 142 e 630 069 637
Publicacións: Correo Apícola. Revista Abelleira
Webs: www.apiculturagalega.org
www.queixoemel.org
www.pesticidasnongrazas.org
MATERIAL APÍCOLA
Na nosa sede en Arzúa temos á disposición dos socios os materiais subvencionados polo Plan Apícola 2009, tamén temos depósito destes materiais en Apícola Carballal, en Ourense.
COMPRA-VENDA DE ENXAMES
As persoas que se apuntaron para a venda de enxames de abellas do Plan Apícola 2009 recibirán unha circular coas condicións que se esixen para a subministración destes enxames. As que solicitaron esta compra de enxames tamén recibirán unha circular explicativa das condicións de fornecemento.